O consorcio europeo Airbus Group presentou o primeiro
prototipo de avión totalmente eléctrico que ten fins comerciais, o e-Fan, que
efectuou o seu primeiro voo público en Burdeos, en presenza de numerosas
autoridades francesas. O e-Fan é un avión-escola e servirá de exponente
tecnolóxico, pero tamén de fase de probas para unha tecnoloxía que persegue,
nos próximos anos, desenvolver avións comerciais totalmente eléctricos, indicou
Airbus Group nun comunicado.
Estes modelos conducirán a reducir máis as emisións de ruído
das aeronaves nun contexto de respecto medioambiental e, a longo prazo,
desembocarán en tecnoloxías máis económicas e eficientes, sinalou o responsable
de Tecnoloxía e Innovación de Airbus Group, Jean Botti.
O aparello é un biplaza de 6,7 metros de longo e
9,5 de envergadura, construído en fibra de carbono e propulsado por dous
motores alimentados por baterías de litio-ion polímeros de 250 voltios. Pode
alcanzar os 220 quilómetros por hora, o aparello non ten unha gran autonomía, o
que lle fai ideal para voos curtos, de entre 45 minutos e unha hora.
O ministro francés de Economía e Industria, Arnaud Montebourg,
considerou este avión como a primeira etapa do sector para unha produción de
xeracións sucesivas de avións eléctricos de tamaño cada vez maior, ata que se
acabe por construír avións de gran tamaño totalmente eléctricos nos próximos 20
anos.
É unha nova revolución na aviación civil que se está
preparando, indicou o ministro. Ademais recordou que o proxecto contou con
respaldo público e que se trata dunha das prioridades industriais de Francia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario